Sociolinguistica
Enviado por laurapos • 20 de Noviembre de 2014 • 1.162 Palabras (5 Páginas) • 254 Visitas
SOCIOLINGÜÍSTICA.-
TEMA 1. As funcións sociais da lingua. Conflito e diglosia. Estereotipos e prexuízos lingüísticos: a súa repercusión nos usos.
A función esencial dunha lingua é a de servir como medio de comunicación entre os membros dunha comunidade e pode concretarse (ou non) noutras máis específicas: función de identidade, familiar, laboral, local, institucional, cultural e internacional. Cando algunha delas é desempeñada por outra lingua falamos de lingua minorizada.
A convivencia lingüística é a situación máis habitual dado que as aproximadamente 5000 linguas coñecidas repártense nuns 200 Estados existentes, mais raramente esta convivencia é pacífica:
* Nuns casos o poder político e económico impón a súa lingua oficial provocando a desaparición da lingua autóctona (o caso do latín en Gallaecia). É o que coñecemos como substitución lingüística.
* Noutros casos as dúas linguas conviven, aínda que con usos distintos: unha convértese en hexemónica (tamén chamada lingua A, dominante ou lingua de cultura) e desenvolve as funcións socialmente relevantes (institucional, cultural, internacional) e a outra convértese en lingua minorizada (tamén chamada lingua B, dominada ou idioma cuberto) e o seu uso fica progresivamente restrinxido a ámbitos orais, coloquiais, etc. Neste caso falamos de convivencia diglósica e prodúcese un conflito entre as dúas linguas. No caso da comunidade lingüística galega a convivencia diglósica vénse producindo desde o século XV.
O conflito lingüístico non é máis que o reflexo das tensións sociolingüísticas que se producen entre as dúas linguas desde o momento en que a lingua dominada pretende recuperar os ámbitos dos que foi desposuída pola dominante.
A resolución do conflito só pode ser a substitución lingüística da Lingua B pola Lingua A, ou a plena normalización lingüística, isto é, coa recuperación pola primeira dos ámbitos de uso que lle foron arrebatados pola segunda, para o que é necesaria a lealdade lingüística e o compromiso activo dos falantes así como a implicación no proceso dos poderes públicos e das institucións culturais e económicas.
Un dos moitos obstáculos no camiño da normalización é a vixencia de determinados estereotipos e prexuízos lingüísticos que pretenden transmitir a idea de que a lingua minorizada (o galego no noso caso) non é tan válida para o desenvolvemento como a hexemónica: é propia do mundo rural, non serve para falar das ciencias, non serve fóra do territorio, o galego normativo é “inventado”, só a falan os de esquerdas, non vale para Internet ...
Tamén hai quen supón que se pode dar un bilingüismo harmónico entre as dúas linguas, unha convivencia pacífica na que cada quen fale o que lle apeteza e domine ben os dous idiomas, solución utópica que atenta contra o principio de economía lingüística e que acabaría en realidade conducindo á substitución.
No ámbito do ensino nos últimos anos está entrando tamén o inglés, polo que o bilingüismo pasa a trilingüismo.
TEMA 3.- Linguas minorizadas e linguas minoritarias. O galego: lingua en vías de normalización.
Se nunha comunidade hai dúas linguas en contacto, estas reproducen a xerarquía social existente dentro dela: unha das linguas -a dominante- vai ocupando progresivamente os ámbitos da outra -a dominada- e provocando a súa substitución. A esta lingua dominada ou recesiva (que vai perdendo usos) chámaselle tamén lingua minorizada e é empregada unicamente nos ámbitos socioculturais máis baixos e ignorada ou desprezada nos máis elevados, dos que foi desprazada pola lingua dominante
O concepto de lingua minorizada é sociolingüístico e nada ten que ver co de lingua minoritaria que é só cuantitativo (cantos a usan?). Pode suceder que unha lingua minorizada sexa a maioritariamente falada na comunidade lingüística (o caso do galego), ou pode que non.
A complexidade
...