A arte na idade media (séculos XI-XV)
Enviado por user12345679 • 19 de Noviembre de 2024 • Examen • 864 Palabras (4 Páginas) • 31 Visitas
TEMA 6: A ARTE NA IDADE MEDIA (SÉCULOS XI-XV)
2. A Arte gótica (séculos XIII-XV)
- A arte gótica é o estilo artístico da Europa occidental entre os séculos XIII e XV, que naceu en Francia e desde alí se foi estendendo ao resto do territorio europeo (Presentación sobre a arte gótica).
- O Gótico naceu como resposta ás transformacións ecónomicas, sociais, políticas e culturais deste contexto:
· Por un lado, o desenvolvemento da economía, o renacer urbano e o aumento da poboación orixinou a necesidade de novas construcións (como as casas dos concellos ou as lonxas).
· Por outro, o maior coñecemento das matemáticas e da xeometría favoreceron unha serie de innovacións técnicas fundamentais.
Como resultado, creouse o novo estilo gótico, que permitiu construír edificios máis altos e máis luminosos que os de estilo románico, mostrando a grandeza e o poder desa Europa das cidades.
- O termo “gótico” para describir este estilo non se utilizou na súa época. Foi creado máis tarde polos artistas do Renacemento italiano que o rexeitaron como un estilo pouco civilizado, salvaxe, típico dos pobos godos (cando, en realidade, non ten nada que ver con eles).
a) A arquitectura gótica:
- No estilo gótico, construíronse diferentes tipos de edificios: palacios para a nobreza e a burguesía, casas dos concellos para o goberno da cidade, lonxas para o mercado... Pero o edificio máis característico foron as grandes catedrais, que se converteron no símbolo das vilas.
A primeira catedral gótica foi a de Notre Dame de París, que foi o modelo copiado e imitado despois noutras partes de Europa (por exemplo, pola catedral de León, a máis antiga catedral gótica da Península ibérica). Tamén son moi importantes outras catedrais góticas francesas, como a de Chartres, Amiens, Reims ou Rouen.
- As principais innovacións da arquitectura gótica son:
· Utilización do arco apuntado ou oxival, moito menos pesado que o arco de medio punto do románico.
· Uso da bóveda de crucería, moito máis lixeira.
· Emprego dun sistema de arcobotantes e contrafortes no exterior que reparten o peso das bóvedas e suxeitan os muros.
· Desta forma, o peso da cuberta (teito) non descansa directamente sobre os muros da igrexa, polo que os muros poden ser máis finos e altos e pódense abrir grandes ventás e rosetóns, que se recubren con vidreiras, o que otorga gran luminosidade e colorido ao interior.
· Como remate dos contrafortes, utilízanse pináculos, que lle outorgan ao edificio unha grande verticalidade, e gárgolas, que serven para desaguar a auga da chuvia.
· A fachada principal adoita ter tres portas que coinciden coas tres naves interiores (a nave central e as dúas naves laterais). Cada porta está decorada cun tímpano e flanqueada por arquivoltas con decoración escultórica.
- A construción dunha catedral gótica era moi cara e levaba moito tempo (ás veces, varios séculos). Financiábase coa contribución dos gremios da cidade e a colaboración do rei, do bispo, dos nobres e do pobo.
...